Con seis traballos discográficos editados, Fía na roca xa ten conseguido un público fiel e incondicional que valora os seus directos sinceros e sen artificios nos que a sensibilidade é a súa compoñente principal. Concertos nos que tradición, evolución, vangarda, jazz, rock, funky, folk, son tan so materiais para a construcción dun edificio sonoro que está no máis alto nivel da arquitectura musical de Galiza.
Carlos Castro (batería, percusión): apareceu na escea folk da man de Doa, nos anos oitenta, e desde aquela convertíuse nun home clave no campo da percusión utilizada na música folque galega, ampliando horizontes e introducindo numerosas anovacións. Está no grupo desde os primeiros tempos, e en todas as súas gravacións.
Sonia Lebedynski (voz, percusión): a que fora gran promesa da música galega ata fai pouco -gravou os seus primeiros discos con 15 anos, e ingresou en Fía na roca con 16- é hoxe un dos puntais que sostén este grupo. Sonia aporta unha voz única na música galega, arroupada con entusiasmo polos seus compañeiros.
Pablo Pérez (baixo): regresa ao grupo no 2010, despois dun paréntesis de catro anos, no que o baixo no grupo estivo tocado por Xabier Olite.
Roberto Rama (gaita galega, low whistle, saxo): o membro máis novo do grupo provén do mundo da música tradicional galega. Cunha dilatada experiencia en cuartetos, grupos de gaitas, ruadas, polavilas, seráns, pasarúas e pasacorredoiras, alboradas e demáis, Roberto aporta boa parte da conexión coa raíz e coa terra que Fía na roca non quere nunca perder de vista.
Giao Rodrigues (guitarra, madolina): entrou no grupo aos 17 anos. Estrenouse aparecendo no segundo disco, Agardando que pase algo, e desde aquela achega as súas cordas para pulir e dar brillo á música de Fía na roca.
Roberto Santamarina (violín): tamén captado por Fía na roca, na súa xuventude, cando se adicaba a tocar música clásica, especialmente a antigua e barroca. Leva desde 1986 sendo o violinista oficial do grupo, e aínda non deixou a música antiga.
Xosé Ramón Vázquez (piano, acordeón, teclado): foi membro fundador de Xorima e, cando o grupo se desfixo, fundou Fía na roca con Xabier Bueno e outros músicos máis. Leva adicando a súa actividade musical dos últimos anos a Fía na roca, como membro permanente do grupo e produtor artístico dos tres últimos discos.
Fía na Roca en Youtube
Fía na Roca en myspace música